«Unha edición poderosa», lema do vídeo promocional da Asociación Galega de Editoras para Frankfurt 2022
- O 27/09/2022
- O audiovisual reúne os máis de vinte «Premios Nacionales» da literatura galega logrados nas últimas décadas en todos os xéneros. Estes galardóns concédeos anualmente o Ministerio de Cultura de España.
- Nesta creación, elaborada pola produtora Illa Bufarda como unha homenaxe ao Libro, aparecen, Xesús Fraga, Ledicia Costas, Manuel Rivas, María Xesús Lama, Antonio García Teijeiro, Olga Novo, Alba Cid, Miguelanxo Prado, a Editorial Kalandraka ou Manuel Lourenzo, entre outras e outros premiados.
- O vídeo completará o Programa Oficial de SpainFrankfurt 2022, pois na próxima edición, que se celebrará na cidade alemá do 19 ao 23 de outubro, España será cultura convidada e a AGE participará cun espazo propio dentro do stand da Federación de Gremios de Editores de España (FGEE).
Santiago de Compostela, a 27 de setembro de 2022.- «Unha edición poderosa» é o lema do vídeo promocional que a Asociación Galega de Editoras preparou para a Feira Internacional do Libro de Frankfurt, a máis importante do mundo, que se celebrará nesta cidade alemá entre o 19 e o 23 de outubro, e que este ano terá a España como cultura convidada.
O audiovisual reúne os máis de vinte «Premios Nacionales» da literatura galega logrados nas últimas décadas en todos os xéneros, galardóns concedidos anualmente polo Ministerio de Cultura de España, e que demostran a enorme calidade creativa e editorial de Galicia.
Concibido como unha homenaxe ao Libro, en só noventa segundos aparecen, nesta creación, dende as últimas persoas premiadas ata as máis veteranas. Cinco décadas de recoñecemento continuo ao sistema literario e editorial galego.
DEZ PREMIOS NOS ÚLTIMOS SETE ANOS
Entre as últimas persoas galardoadas: Xesús Fraga (Narrativa, 2021), Olga Novo (Poesía, 2020), Alba Cid (Poesía Joven Miguel Hernández, 2020), Xavier Senín (Obra de Tradutor, 2020), Pilar Pallarés (Poesía, 2019), Anxo Quintela (Xornalismo Cultural, 2019), Ana Romaní (Xornalismo Cultural, 2018), María Xesús Lama (Ensaio, 2018), Antonio García Teijeiro (Literatura Infantil e Xuvenil-, 2017) ou Ledicia Costas (Literatura Infantil e Xuvenil, 2015).
VOCES CONSAGRADAS DAS NOSAS LETRAS
Xunto a eles, voces xa consagradas das nosas Letras: Manuel Rivas (Narrativa, 1996), Suso de Toro (Narrativa, 2003), Alfredo Conde (Narrativa, 1986), Justo Beramendi (Ensaio, 2008), Paco Martín (LIX, 1986), Fina Casalderrey (LIX, 1996), Manuel Lourenzo (Literatura Dramática, 1997), Miguelanxo Prado (Cómic, 2013), Editorial Kalandraka (Mellor Labor Editorial, 2012), Óscar Villán (Ilustración, 1999), Federico Fernández (Ilustración, 2001), María Alonso Seisdedos (Tradución, 2014) ou Andrés Torres Queiruga e José Fernández Lago (Tradución, 1990).
Así mesmo, lémbrase a tres premiados xa falecidos: Agustín Fernández Paz (LIX, 2008), Xabier P. Docampo (LIX, 1994) e Manuel Álvarez Torneiro (Poesía, 2014).
«A MELLOR EDICIÓN PARA UNHA LITERATURA DE PREMIO»
«As nosas letras son enormes —afírmase no audiovisual—. Proxéctanse con Premios Nacionais de Literatura en todas as categorías. Temos a mellor edición para unha literatura de premio. Unha edición poderosa».
A elaboración do vídeo correu a cargo da produtora Illa Bufarda.
A Asociación Galega de Editoras participará na Feira Internacional de Frankfurt cun espazo propio dentro do stand da Federación de Gremios de Editores de España, no que desenvolverá, entre o 19 e o 23 de outubro, un intenso programa de actividades profesionais.
Accede ao vídeo na canle de Youtube da AGE
Contacto coa Asociación Galega de Editoras:
s.tecnica@editorasgalegas.gal
Tel. +34 609831511