OS 40 ANOS DA AGE MARCAN A XX EDICIÓN DO SIMPOSIO QUE A ASOCIACIÓN GALEGA DE EDITORAS CELEBRARÁ EN COMPOSTELA O 27 DE SETEMBRO
- O 13/09/2023
- O simposio O libro e a lectura da Asociación Galega de Editoras acada a súa edición número 20 nun encontro que se vai celebrar na Biblioteca do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, o mércores 27 de setembro, en sesión de mañá.
- Despois do acto central de celebración do aniversario da entidade no mes xuño, chega agora o acto profesional de balance e futuro da edición en Galicia.
- Contará coa intervención do editor e presidente da AGE entre 2010 e 2014, Manuel Bragado, para facer unha análise das cifras da edición galega, e cun panel de experiencias coas editoras galegas presentes.
Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2023.- Os 40 anos da Asociación Galega de Editoras centrarán o XX simposio O libro e a lectura que organiza neste mes de setembro a Asociación Galega de Editoras, en colaboración co Consello da Cultura Galega e a Xunta de Galicia.
Despois do acto central de celebración do aniversario da entidade o pasado mes de xuño, no que se presentou a obra «100 anos de edición moderna en Galicia», a biblioteca do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, s/n), en Santiago de Compostela, acolle agora o acto profesional de balance e análise do futuro da edición en Galicia. Será nun encontro aberto ao público, o mércores 27 de setembro, nunha única sesión de mañá.
Neste encontro profesional conversarase e reflexionarase sobre a edición en Galicia ao longo destes 40 anos, a situación do mercado e a internacionalización do libro galego. Logo da inauguración, prevista para as 10:00 horas, proxectarase o vídeo dos 40 anos da AGE realizado pola produtora Illa Bufarda e, seguidamente, ás 10:30, terá lugar a intervención do editor e actual presidente da Asociación Galega de Editoras, Henrique Alvarellos con Así xurdiu a AGE en 1983.
Ás 10:45, o editor e presidente da AGE entre 2010 e 2014, Manuel Bragado, fará unha análise das cifras da edición galega e ás 12:30 seguiralle o Panel de experiencias: presente e futuro da edición en Galicia coa participación de representantes de varias editoras galegas. Compartirán experiencias arredor do Libro educativo/E-Dixgal, a cargo de Ana Guerra (Obradoiro) e María Xesús Gómez (Rodeira); a LIX e o álbum ilustrado, por Paz Castro (Kalandraka); a poesía, a dixitalización e o ecosistema editorial, a cargo de Fran Alonso (Xerais); a importancia de traducir os clásicos universais ao galego, por Celia Recarei (Irmás Cartoné); a mediación e a prescrición no apoio ao libro galego, coa intervención de Henrique Alvarellos (Alvarellos Editora) e, finalmente, Marcos Calveiro (Galaxia) con Xestionar os clásicos: de Castelao á Banda Deseñada.
Ás 14:00 pecharase o acto coa clausura e as conclusións.
Debido ao aforo limitado é necesario inscribirse no correo s.tecnica@editorasgalegas.gal