Edicións Laiovento edita “DFW nas profundidades da tristeza infinita” e “As cancións que lles cantaban aos cativos”, de Raúl Dans
- O 29/06/2021
Edicións Laiovento edita DFW nas profundidades da tristeza infinita e As cancións que lles cantaban aos cativos, de Raúl Dans
En DFW nas profundidades da tristeza infinita, Dans afronta un audaz reto dramatúrxico, entre o relato biográfico e o delirio posmoderno, baixo a etiqueta de “non ficción”. Unha obra sobre o proceso creativo e as rivalidades literarias que explora os episodios que forxaron a amizade de dous dos máis grandes novelistas americanos contemporáneos: David Foster Wallace e Jonathan Franzen.
A acción de As cancións que lles cantaban aos cativos (XXIV Premio SGAE de Teatro Jardiel Poncela) desenvólvese nas cidades de Vigo e Santiago de Compostela durante a primavera do movemento 15-M. Rosalía, unha presa de ETA que vén de saír da prisión despois de cumprir a súa condena, dá os primeiros pasos da súa nova vida en liberdade mentres Brais, cuxa nai o abandonou cando tiña dous anos, trata de descubrir o segredo que agacha a súa marcha.