Pedro Feijoo, María Reimóndez e Leticia Barbadillo Vázquez, PREMIOS XERAIS 2023
- O 19/06/2023
As obras cos títulos Ninguén contará a verdade, Furia e A botella de lentellas resultaron gañadoras do XL Premio Xerais de Novela, o XV Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e o XXXVIII Premio Merlín de Literatura Infantil. Unha vez abertas as plicas, o autor e autoras dos textos escollidos polos xurados son Pedro Feijoo, María Reimóndez e Leticia Barbadillo Vázquez, respectivamente. Cada un dos galardóns ten unha dotación de 10.000 euros.
Ninguén contará a verdade, de Pedro Feijoo, Premio Xerais de Novela 2023
O xurado da XL edición do Premio Xerais de Novela, formado por Diego A. Dacal (coordinador do club de lectura Sete vidas de Espazo Lectura), María Díaz (xornalista de Cadena Ser), Fernando Miranda (libreiro na Libraría Miranda), Tamara Novoa (xornalista de A Movida), Ánxela Vázquez Andrade (profesora e bookstagrammer) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema “O candidato da fin do mundo” que, despois de abrir a plica, resultou ser de Pedro Feijoo e corresponde ao título Ninguén contará a verdade. Ao premio presentáronse 36 orixinais.
O xurado defínea como un texto de absoluta actualidade sobre a corrupción política e as súas consecuencias no cal se evidencia un gran traballo de investigación por parte do autor ou autora e onde calquera lector ou lectora pode
atopar referentes reais. Trátase dunha novela coral en que todos os personaxes adquiren unha relevancia extraordinaria e cuxas voces son tratadas de forma maxistral por un narrador que adopta o punto de vista de cada un deles concedéndolles unha caracterización case cinematográfica. Uns diálogos sen fisuras, un ritmo áxil, a meticulosa descrición dos espazos, a reflexionada estrutura e a atmosfera que paira sobre toda a narración dan como resultado a obra merecedora do cuadraxésimo Premio Xerais de Novela neste ano 2023.
Furia, de María Reimóndez, Premio Jules Verne 2023
Pola súa banda, o xurado da XV edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, declarou gañadora por unanimidade a obra co lema “Ring”, que resultou ser de María Reimóndez e corresponde ao título Furia.
O xurado estaba formado por: Laura Veiga (xornalista de Nós Diario e divulgadora), Erica García-Santamarina Caridad (AAGG), Cándido Paniagua Pousa (mestre e escritor), Adela Dios Touriñán (bookstagramer), Osmar Rodríguez Pérez (libreiro na libraría Mobby Dick) e Ramón Domínguez Veiga (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto. No certame participaban 28 obras.
O xurado do XV Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil valorou a forza do argumento, o manexo da lingua e o carisma dos personaxes que conviven nunha novela que pon enriba da mesa, con sensibilidade e madurez, certas temáticas coas que a mocidade se pode sentir identificada, como a perda de seres queridos, a carraxe adolescente, a identidade sexual ou a autoestima. Ademais, entra de forma moi real e respectuosa no mundo do boxeo, botando por terra algúns dos prexuízos que aínda pesan sobre o deporte.
A botella de lentellas, de Leticia Barbadillo Vázquez, Premio Merlín 2023
Por último, a obra gañadora do XXVIII Premio Merlín é A botella de lentellas, escrita por Leticia Barbadillo Vázquez.
O xurado estaba formado por: Cris de Caldas (filóloga, bibliotecaria e contadora), Ivana Gómez Abuín (mestra e bookstagramer), Paco Cerdeira ‘Pakolas’ (músico), Olalla Sánchez Pintos (xornalista), Xiana Teimoy (ilustradora) e Anaír Rodríguez (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto. Ao premio presentáronse 23 obras.
A obra presentada ao Premio Merlín baixo o título A botella de lentellas é unha orixinal novela narrada cun estilo preciso e cun notable dominio léxico, que emprega a técnica dos relatos enmarcados para combinar a narración principal en primeira persoa, centrada na realidade do neno protagonista, coa fantasía e a oralidade duns contos magnificamente construídos que se van incrustando en diferentes niveis ao longo da obra.
* * *
Este ano presentáronse aos premios 87 obras. Cada un dos recoñecementos está dotado con 10.000 euros. Ademais, en 2023 o Premio Xerais de Novela chega á súa 40 edición dende que en 1984 gañara o galardón Crime en Compostela, de Carlos G. Reigosa, que anos despois se converteu nun best-seller da literatura galega.
Tras o proceso de edición das tres obras gañadoras, Xerais celebrará unha festa de entrega dos premios no mes de outubro, cando os libros estean xa nas librarías. O Parador de Baiona, que xa acolleu as primeiras edicións do acto de
entrega dos Premios Xerais, é o lugar escollido para a celebración.