María Solar, Rocío Leira e Anxo Iglesias, elixidos premios Xerais
- O 18/07/2022
As obras cos títulos A culpa, de María Solar, Cicuta para dous, de Rocío Leira, e Unha nova dimensión, de Anxo Iglesias, resultaron gañadoras do XXXIX Premio Xerais de Novela, o XIV Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e o XXXVII Premio Merlín de Literatura Infantil.
Premio Xerais de Novela
Segundo valorou o xurado, A culpa, de María Solar é un xogo de espellos entre dúas amigas e socias indisolúbeis, unha relación que comeza cunha clara manifestación de apoderamento persoal e feminino para se ir convertendo nunha submisión tóxica agoniante cun final perturbador onde a culpa se converte nun personaxe omnipresente.
Premio Jules Verne
O xurado da XIV edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, declarou gañadora por unanimidade Cicuta para dous de Rocío Leira. O xurado estaba formado por Gabri Fuentes (xornalista), Araceli Collado Díaz (bookstagramer), Adrián Gómez Ramos (escritor), Manuel Moledo (biólogo e escritor), María Asunción Carballo Rodríguez (profesora e coordinadora de biblioteca) e Ramón Domínguez Veiga (secretario do xurado), en representación de Xerais.
O xurado valorou “a forza do argumento, a orixinalidade, o manexo da lingua e, sobre todo, o carisma dos personaxes”
Premio Merlín
Por último, o xurado da XXXVII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, formado por Iván Davila (actor e narrador oral), Chus Gómez Dorrego (xornalista), Tamara Lema (mestra e autora de material educativo), María Montes (ilustradora), Elisa Nieves Barreiro (bookstagramer) e Anaír Rodríguez (secretaria do xurado), en representación de Xerais, acordou por unanimidade declarar gañadora Unha nova dimensión, escrita por Anxo Iglesias, de entre os 24 orixinais presentados.
A obra gañadora é un orixinal compendio poético baseado na liberdade creativa e nos xogos coa linguaxe e cunha coidada disposición das palabras no espazo para gañar en expresividade.