A ASOCIACIÓN GALEGA DE EDITORAS PARTICIPA, POR SEGUNDO ANO CONSECUTIVO, CON STAND PROPIO NA FEIRA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL DE BOLOÑA
- O 29/03/2019
- Oito empresas editoras amosarán as súas novidades neste evento, o máis importante do mundo no libro infantil e xuvenil, que se celebra do 01 ao 04 de abril.
Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2019.- A Asociación Galega de Editoras (AGE) participa, por segunda vez, con stand propio na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, coa colaboración de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos). A 56ª edición da BBF conta con Suíza como país convidado. Celebrarase do 01 ao 04 de abril e é a feira internacional máis importante en compra e venda de dereitos de literatura infantil e xuvenil.
Alvarellos Editora, Embora Edicións, Kalandraka Editora, Baía Edicións, Urco Editora, Edicións Xerais de Galicia, Galaxia Editorial e Oqueleo, son as empresas asociadas á AGE que participan no stand colectivo da entidade en Boloña ata o 4 de abril.
Kalandraka Editora contará con stand propio na feira, onde amosará unha ampla selección do seu catálogo de novidades, ademais de participar no da AGE. Pola súa parte, Triqueta Verde, editora independente especializada en álbum ilustrado, realizará o seu traballo desde o stand da Federación de Gremios de Editores de España.
As empresas desprazadas do gremio galego manterán xuntanzas de traballo no stand da AGE con representantes do sector internacional, cunha axenda pechada meses antes da celebración da feira, ademais de realizar presentacións de libros, no propio stand e nas librarías da cidade de Boloña, como é o caso de Kalandraka Editora.
Desde o stand da Asociación Galega de Editoras na BBF, daranse a coñecer as novidades das editoriais galegas que participan na feira, unha das principais citas anuais do mundo editorial.
Máis información: tel. 609831511/ s.tecnica@editorasgalegas.gal
www.editorasgalegas.gal
Fotos: Actividade no stand da Asociación Galega de Editoras na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, 2018 (arquivo AGE)
Deseño lonas: Óscar Villán