A AUTORA CONSUELO VERCHER E A TRADUTORA TAMARA ANDRÉS PRESENTAN «CHARLOTTE» EN PONTEVEDRA
- O 30/01/2024
A libraría Metáfora (rúa Charino, 9) de Pontevedra acolle un encontro coa autora e coa tradutora o martes, 30 de xaneiro, ás 19:30 horas. A colección Seteleguas de KALANDRAKA que ofrece obras para lectoras e lectores autónomos vén de incorporar a historia de «Charlotte», unha nena que conta o seu día a día a través da relación cos seus pais e cos seus irmáns maiores, o que acontece na súa contorna e o seu xeito de entender o mundo, sobre todo cando algo terrible acontece na súa familia. Trátase dunha creación da autora pontevedresa Consuelo Vercher, traducida por Tamara Andrés e ilustrada por Clara Encinas.
«Charlotte» é “un canto á vida, á tolerancia e ao amor”, en palabras de Consuelo Vercher, que tece este relato a partir da bagaxe persoal forxada dende a súa nenez e mocidade en Francia, máis outras achegas externas. A protagonista do libro destaca pola súa frescura e a espontaneidade coa que se expresa, pola madurez e o calado filosófico do seu pensamento, pola ausencia de prexuízos e o interese polas causas xustas.
A este texto sensible, delicioso e cun elaborado rexistro literario súmanse unhas ilustracións hiperrealistas -a modo de fotografías do álbum familiar- que representan os personaxes, os escenarios que habitan e o valor simbólico dos obxectos que os caracterizan.
Licenciada en Letras Modernas pola Universidade de Pau et des Pays de L´Adour, Consuelo Vercher dedicouse durante moitos anos á docencia, como profesora de Lingua Francesa no Ensino Secundario. Recibiu o 1º Premio de Innovación Educativa (Embaixada de Francia en Madrid) e o 1º Premio Letras Galegas “María Mariño” (Xunta de Galicia). Como tradutora, ten colaborado coa Semana Galega de Filosofía que organiza a Aula Castelao de Pontevedra, coa editorial Laiovento e coa revista Grial.