O Concurso Balbino de Relatos chega á súa 9ª edición
- O 25/01/2024
- Os orixinais poderán presentarse ata o 28 de xuño.
- O premio consta de 1.500 euros e a publicación da obra.
Desde hoxe e ata o venres 28 de xuño deste ano 2024 poderanse presentar os textos para participar na novena edición do Concurso Balbino de Relatos. O nome do concurso foi un acordo co escritor Xosé Neira Vilas, autor da obra máis internacional da literatura galega, Memorias dun neno labrego. Unha homenaxe ao protagonista do libro, Balbino, así como á temática principal que deben ter os orixinais presentados ao concurso literario que se centran nas tres partes máis destacadas na vida de Balbino, o rural, o mar e a emigración.
Bases
O Concurso Balbino de Relatos ten periodicidade anual e poden participar persoas de calquera idade ou nacionalidade.
O prazo para remitir os escritos finalizará o venres 28 de xuño de 2024.
A obra presentada poderá estar composta dun único relato ou de varios, pero sempre cunha extensión comprendida entre 100.000 e 200.000 caracteres.
O idioma empregado na escrita ten que ser o galego e a temática debe estar baseada no rural, no mar ou na emigración.
Todas as persoas interesadas en participar poderán acceder ás bases completas na páxina web: www.concursobalbino.com
En canto á elección da obra gañadora, correrá a cargo dun xurado profesional de recoñecido prestixio que dará a coñecer o fallo no mes de setembro, momento no que dará comezo o proceso de publicación para efectuar a entrega oficial do premio e a presentación do libro no último trimestre deste ano 2024.
A persoa autora da obra gañadora recibirá unha contía económica por valor de 1.500 euros e a publicación da obra por Edicións Fervenza.
Colaboradores
O Concurso “Balbino” de Relatos conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, o departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, a Fundación Xosé Neira Vilas, e os concellos de Boqueixón, Silleda e Vila de Cruces.
Edicións anteriores
Recordamos que na anterior edición do Concurso “Balbino” de Relatos, en 2023, resultou gañadora a obra Loucine, de Clara Martín (Ourense), que se uniu á lista de premiados nos que se inclúen, por orde cronolóxica, as obras Camiños na sombra, de Xián Lois Alcayde Dans (A Coruña); De que falarán as árbores, de Ricardo Cid Paz (Ourense); Máis alá do río do esquecemento, de Ricardo Ferreiro Almeda (Sevilla. Natural de Allariz, Ourense); Banda Sonora Orixinal, de Pablo Nogueira Campo (O Carballiño, Ourense); Bica de Montouto, de Pepe Peinó (O Valadouro, Lugo), Gumes entre a néboa, de Xosé Alfredo Naz Fernández (Vigo) e A comuna de Valdonelle, de Carlos Neira Suárez (Ferrol).