“Memorias dun neno labrego”, de Xosé Neira Vilas, adaptada a banda deseñada
- O 23/01/2024
Galaxia publica na colección Novela Gráfica, a adaptación a banda deseñada do clásico de Neira Vilas, “Memorias dun neno labrego”, debuxada con sentimento e bo pulso narrativo, a cargo de Iria Aldegunde.
“Eu son… Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ningúen. E ademais, pobre”.
Así comeza o libro máis lido e traducido da literatura galega. Unha das obras que fundan a nosa narrativa contemporánea e que agora se presenta por vez primeira nunha adaptación gráfica.
Iria Aldegunde pon en imaxes ese mundo que Balbino contempla ao seu redor cos ollos moi abertos e que adoece por entender, pois, como el afirma, vimos ao mundo cunha alforxa de preguntas.
Nesta novela gráfica atoparedes moitas desas respostas.
XOSÉ NEIRA VILAS (Gres, 1928-2015) foi membro numerario da Real Academia Galega e doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e A Habana. Da súa extensa e variada obra literaria, cómpre salientar “Memorias dun neno labrego” (1961), das novelas galegas máis reeditadas e traducidas.
IRIA ALDEGUNDE (Santiago de Compostela, 2000). Historietista, compaxinou os estudos de Filoloxía Inglesa xunto coa súa formación en banda deseñada na escola profesional O Garaxe Hermético. Participou nos libros colectivos “Florencio” (2022) e “Gaspariño XXI” (2023).