BERNARDO ATXAGA E KALANDRAKA PRESENTAN «EXTERIORES DO PARAÍSO» EN VIGO
- O 04/12/2023
O escritor Bernardo Atxaga presentará a súa nova obra, «Exteriores do paraíso», este luns 4 de
decembro a partir das 20:00 horas na libraría Cartabón (Urzáiz, 125) de Vigo. “Fixen o meu debuxo
máis íntimo, xenuíno e verdadeiro”, ten afirmado o autor sobre este texto publicado por KALANDRAKA,
con tradución de Isaac Xubín. “Quere saber como é este home? Lea este libro”, engade Atxaga, que
conversará co profesor, escritor e crítico literario Ramón Nicolás, tradutor das súas novelas «Sete casas
en Francia» e a célebre «Obabakoak».
«Exteriores do paraíso» é un artefacto literario, un híbrido que vadea os límites da narrativa, da poesía
e da autobiografía; unha lectura diferente que permite viaxar por unha paisaxe onde conviven formas
e materias que rara vez soen ir xuntas. Á narración melancólica séguenlle uns versos que fan rir; ao
apunte autobiográfico súmase o relato dunha lectura pública singular ou unha extravagante
conferencia sobre literatura.
Máis aló da súa variedade formal e estilística, as páxinas desta obra, de estrutura ordeada e clara,
comparten un mesmo fondo: volven unha e outra vez sobre o amor, o medo e a morte; os temas que,
dende a primeira gripe de Adán —sinal do seu alonxamento do paraíso— acompañan a todas as
persoas deste mundo.
«Exteriores do paraíso» é un libro esencial na extensa e recoñecida traxectoria de Bernardo Atxaga,
membro da Academia da Lingua Vasca e unha das figuras máis destacadas das nosas letras: Premio
Euskadi, Premio Nacional de Narrativa, Premio Grinzane Cavour, Premio Mondello, Premio Times
Literary Supplement Translation, e finalista do European Literary Award, do Independent Foreign
Fiction Prize e do Oxford Weideenfeld Translation Prize.