CONVOCATORIA XVI PREMIO INTERNACIONAL COMPOSTELA PARA ÁLBUMS ILUSTRADOS
- O 13/03/2023
O CONCELLO DE SANTIAGO E KALANDRAKA CONVOCAN O XVI PREMIO INTERNACIONAL COMPOSTELA DOTADO CON 9.000 EUROS AO MELLOR ÁLBUM ILUSTRADO
O prazo de recepción de traballos remata o 13 de maio e o fallo do xurado coñecerase a última quincena de xuño
Ao XVI Premio Internacional Compostela poden optar autoras/es e ilustradoras/es de calquera nacionalidade con obras orixinais e inéditas, escritas en calquera lingua oficial da Península Ibérica. As persoas interesadas en participar no certame deberán enviar cinco copias do texto, tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en cor de cada unha delas, xunto cunha maqueta acabada de todo o proxecto.
Os proxectos poderán presentarse en calquera tamaño, técnica e formato; a extensión non deberá superar as 40 páxinas interiores (sen contar gardas nin cubertas). O material, asinado baixo lema ou pseudónimo, e cos datos persoais dos participantes incluídos nun sobre pechado, enviarase ao Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende nº4, 15705 Santiago de Compostela).
Kalandraka publicará a obra premiada en galego, castelán, catalán, eúscaro e portugués en novembro de 2023. A editorial poderá publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial. O xurado estará formado por profesionais de recoñecido prestixio no eido da literatura e da ilustración infantil.