
«O libro educativo: unha viaxe para medrar», nova campaña da Asociación Galega de Editoras
- O 15/06/2022
- O gremio galego de editoras pon en marcha unha campaña de promoción do libro educativo, a través dun audiovisual e da colaboración de varios centros docentes de Galicia.
- Participaron as editoras de texto: Obradoiro, Rodeira, Baía Edicións, Xerais, Xerme, Tambre, e Galinova, co apoio de ANELE e CEDRO. A produción correu a cargo de Illa Bufarda.
Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2022.- «O libro educativo. Unha viaxe para medrar», é o lema da nova campaña da Asociación Galega de Editoras. A través dun audiovisual, lévase a cabo unha viaxe polo proceso de elaboración do libro educativo: o intenso e rigoroso traballo profesional das editoras, e das persoas implicadas, nun proceso que ten por finalidade ofrecer á comunidade educativa materiais e contidos de calidade.
A campaña contou coa colaboración de ANELE e CEDRO. Á parte da difusión do vídeo, completarase a partir de setembro, coincidindo co inicio do curso, en varios centros educativos de Galicia.
As editoriais da AGE que traballan na creación do libro de texto e material de apoio complementario, e que colaboraron nesta nova campaña, son Obradoiro, Rodeira, Baía Edicións, Xerais, SM, Tambre, e Galinova. A realización correu a cargo da produtora Illa Bufarda, e contou coa colaboración dos centros educativos CEIP Lamas de Abade, IES Xelmírez I e a imprenta Grafiber.
«O libro educativo. Unha viaxe para medrar», na canle de Youtube da AGE