
O sector do libro únese para celebrar o 23 de xullo un Día do Libro moi especial
- O 06/07/2020
- Recupera así a celebración dun día que tivo que suspenderse pola crise do coronavirus
- O público lector terá a oportunidade de gozar de múltiples actividades e beneficiarse de ata un 10% de desconto pola compra de libros.
- Sigue a campaña #TodoComezaNunhaLibraría que se está a desenvolver nas redes sociais e á que se sumaron autoría, editoras, librarías, profesionais do mundo dos medios de comunicación, a cultura e os lectores.
Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2020.- O sector do libro uniuse para celebrar o Día do Libro o vindeiro 23 de xullo. Desta maneira, quere aproveitar o comezo das vacacións para recuperar unha conmemoración, a do 23 de abril, que tivo que ser suspendida, desde o punto de vista comercial, pola pandemia da COVID-19.
Durante esa xornada, o público lector terá a oportunidade de gozar de múltiples actividades organizadas nas librarías e beneficiarse de ata un 10% de desconto pola compra de libros. A Lei da Lectura, o libro e as bibliotecas establece un réxime de prezo fixo para o libro, aínda que marca como excepción a celebración do Día do Libro e as Feiras do Libro, Congresos ou Exposicións do Libro, sempre que “así o determinen as súas entidades organizadoras, cando estas pertenzan aos sectores da edición e comercialización do libro”, momentos nos que se pode realizar ata un máximo do 10%.
Con esta decisión o sector quere facer fronte aos efectos que a pandemia tivo no conxunto das empresas e tratar de reactivar as súas actividades nun contexto difícil. Ademais, dáse continuidade á campaña iniciada en redes sociais denominada denominada #TodoEmpiezaEnUnaLibrería #TotComençaEnUnaLlibreria #DenaHastenDaLiburudendan #TodoComezaNunhaLibraría que se vén desenvolvendo desde o 1 de xuño e na que se quere poñer en valor a importancia das librarías dentro da cadea do libro. Nesta campaña están a participar a autoría e persoas coñecidas do mundo da cultura e dos medios de comunicación, así como as librarías, editoras e o público lector que decidiron sumarse á iniciativa elaborando vídeos ou publicando mensaxes a través das súas redes ou a través dos perfís da campaña @EmpiezaLibreria (en Twitter) ou @TodoEmpiezaenUnaLibrería (en Instagram e Facebook).
A industria do libro constitúe o primeiro sector cultural do Estado polos seus datos de facturación, conta cun tecido empresarial formado, fundamentalmente, por pequenas e medianas empresas que garanten a pluralidade e a diversidade. A paralización da actividade como consecuencia das medidas adoptadas para combater a pandemia supuxo un impacto enorme na facturación do conxunto do sector do libro, estimado inicialmente nuns 1.000 millóns de euros, 800 no mercado interior do libro e 200 no mercado exterior.
Dende que se desatou a pandemia, a Asociación de Cámaras del Libro de España reclamou a necesidade de adoptar medidas que contribúan a paliar estes efectos adversos, entre elas incentivar a adquisición de libros a través do sistema libreiro, activar un plan de compras para bibliotecas públicas, escolares e universitarias ou a posta en marcha dun Bono-libro que, ademais, sirva para fomentar a lectura no Estado.
Para descargar as imaxes da campaña, preme aquí