O SECTOR EDITORIAL MEDRA POR QUINTO ANO CONSECUTIVO GRAZAS Á FORTALEZA DO LIBRO EN PAPEL
- O 16/07/2019
- A cifra de facturación medrou un 1,9% con respecto a 2017 ata os 2.363,90 millóns de euros.
- O libro dixital rexistrou una lixeira caída na súa facturación ata os 118,98 millóns de euros, un 0,1% menos que en 2017, en liña co que está a acontecer noutros países. Preocupa o contraste existente co uso de vías non legais para a lectura de libros dixitais.
- O prezo medio dos libros en papel descendeu un 4,7% ata os 13,96€. No caso dos libros dixitais, á espera da aplicación da nova normativa europea sobre o IVE do libro, tamén reduciu o prezo medio ata situarse en 9,25€, (-0,3%).
- Tanto os libros de ficción para adultos (+8,1%), Infantil e Xuvenil (+6,0%) como os de non ficción (+3,7%) rexistraron incrementos da facturación.
- Se se analizan os datos de facturación do sector do libro, sen considerar os obtidos polo subsector de contidos educativos (libros de texto), cuxa evolución está condicionada polas decisións das Administracións Públicas, os resultados do resto do sector suporían un incremento da facturación do 4,7% con respecto a 2017.
- O presidente da FGEE, Miguel Barrero, reclamou a necesidade dunha coordinación de políticas e plans respecto ás axudas ás familias para os libros de texto que se baseen en criterios pedagóxicos para mellorar a calidade da educación e non poñan en perigo este subsector, así como a recuperación das compras para as bibliotecas públicas.
- O informe reflicte un descenso da produción editorial en todos os subsegmentos, pero especialmente no libro de texto como consecuencia da paralización dos calendarios de renovación dos libros de texto.
- En 2018 descendeu o número de títulos editados tanto en papel como dixital ata os 76.202. A tiraxe media tamén se reduciu un 5,8% ata os 3.762, así como o prezo medio ata 13,96€
- No mercado exterior, o sector do libro continuou a medrar, as exportacións aumentaron un 4,5% impulsado polo sector editorial que medrou un 8,9%. A balanza comercial segue a ser positiva e acada os 396,26 millóns de euros.
- As vendas de libros de peto seguen a medrar ate acadar os 93,32 millóns de euros, cun incremento de títulos editados e de exemplares vendidos.
- As librarías e cadeas de librarías seguen a ser as principais canles de distribución do libro, representan o 53% das vendas. Practicamente todos as canles de distribución do libro aumentaron a súa facturación.
A Federación de Gremios de Editores de España presentou esta mañá, en rolda de prensa, o avance da Análise do Mercado Editorial en España: Comercio Interior e Exterior.
O sector editorial español rexistrou, por quinto ano consecutivo, un incremento da súa facturación grazas á fortaleza do libro en papel. Segundo o avance do informe de Comercio Interior do Libro 2018, o ano pasado mellorou as súas cifras un 1,9%, con respecto a 2017, ata situarse en 2.363,90 millóns de euros. De maneira paulatina, aínda que lentamente, o sector editorial español vai recuperando as cifras que perdeu durante a crise. No caso do libro dixital, obsérvase un estancamento das vendas.
Este incremento da facturación produciuse en practicamente a totalidade dos subsectores do libro, a excepción do de contidos educativos (libros de texto), cuxa evolución está moi condicionada pola intervención no mercado das Administracións Públicas, que diminuíu o 4,2%. Se non considerásemos a facturación polos libros e contidos educativos, o crecemento do resto do sector sería do 4,7%.
“As cifras permítennos reflectir certo optimismo xa que revelan unha mellora paulatina do sector trala crise, aínda que seguimos afectados por algúns condicionantes que se produciron durante esta, como foron a redución orzamentaria para compras de libros para bibliotecas públicas, universitarias e escolares, así como polas políticas das Administracións Públicas en materia de libros de texto. Isto non fai máis ca reforzar a nosa crenza na necesidade de buscar unha coordinación de plans e criterios das distintas administracións respecto ás políticas de axudas ás familias para os libros de texto e a recuperación dos orzamentos para a dotación das bibliotecas”, sinalou, en rolda de prensa, Miguel Barrero, presidente da Federación de Gremios de Editores de España e da Asociación de Cámaras do libro de España. “O sector editorial é a primeira industria cultural española e un sector exportador, polo que nos gustaría que se tivese en conta á hora de tomar decisións políticas”, afirmou.
O avance do Informe de Comercio Interior do Libro elaborado pola Federación de Gremios de Editores de España, co apoio do Ministerio de Cultura e Deporte, amosa que, no ano 2018, vendéronse 160 millóns de exemplares en papel, un 1,6% máis ca en 2017, e editáronse 76.202 títulos (56.966 en papel e 19.236 en dixital), o que representa unha caída do 12,7% con respecto ao ano anterior (-5,3% en papel e -29,1% dixitais). Este descenso da produción editorial débese entre outros factores, ao descenso de títulos editados de libros de educativos (-9,7%) como consecuencia da paralización dos calendarios de renovación, que supuxo que moitas editoriais non elaboraran novas edicións, así como a un menor número de títulos editados en formato dixital xa que en anos anteriores moitos dos títulos foron dixitalizacións de títulos existentes no fondo editorial. O prezo medio do exemplar reduciuse ata os 12,86 euros.
Todos os xéneros literarios medran, tanto en adulto como en infantil, 8,1% e 6,0 % respectivamente. Tamén medra a facturación dos libros científico-técnicos e universitarios (+3,7%); os de ciencias sociais e humanidades (+4,3%), os libros prácticos (3,7%), divulgación xeral, (+5,0%,), relixiosos (+2,7%) e os dicionarios e enciclopedias (2,7%). Descende a facturación, non obstante, dos libros de dereito e ciencias económicas (-2,3%) e, lixeiramente, os cómics (0,1%)
Hai que sinalar que a facturación se concentra fundamentalmente en empresas de Barcelona (50,8%) e Madrid (42,4%) que suman o 92,9% do total. Por tamaño, as empresas moi grandes facturaron o 39%, e perderon peso con respecto ao exercicio anterior (39,3%); o resto da facturación repártese en empresas medianas (24,5%), grandes (22,8%) e pequenas (13,6%), que manteñen o seu peso respecto ao ano pasado.
As vendas de libros dixitais estáncanse
O mercado do libro dixital en España segue a mesma dinámica que no resto dos países da contorna e nos EUA. O sector segue a apostar por este formato como amosa o feito de que ano a ano segue a incrementarse o catálogo. Ademais, estase a facer un esforzo para reducir o prezo, aínda que se precisa que en España se adopte a medida da redución do IVE do libro dixital. Non obstante, se se teñen en conta as cifras do Observatorio da piratería e hábitos de consumo de contidos dixitais 2018, o efecto que a piratería ten sobre o sector supera as cifras do comercio legal, (215 millóns fronte a 118 millóns de euros). Segundo sinalou o presidente da FGEE, Miguel Barrero, “confíase en que se poidan tomar decisións que incidan na importancia que ten o respecto pola propiedade intelectual, así como unha aplicación con rigor da Lei”.
A facturación do libro dixital non tivo o mesmo comportamento que o libro en papel, reduciuse lixeiramente con respecto a 2017, un 0,1%, ata situarse en 118,98 millóns de euros, cifra que representa o 5% da facturación total do sector. O número de títulos editados ascendeu a 19.236 (-29,7%). O catálogo de libros dixtais, non obstante, incrementouse nun 0,4%, ata os 178.908 títulos.
O número de descargas acadou os 12,86 millóns (+0,2%). O prezo medio dos libros dixitais reduciuse tres céntimos de euro ata os 9,25€.
Os libros de non ficción representaron o 62,71% da facturación dos libros dixitais, 52,7 millóns de euros, fundamentalmente libros e bases de datos de dereito. Os libros de texto non universitarios seguen en facturación, con 25,73 millóns de euros, o que representa o 21,6% da facturación. Pouco a pouco, os libros de literatura de adulto adquiren maior peso na facturación, o 20,1%, os libros de infantil e xuvenil, descendeu un 1,7% ata os 5,70 millóns de euros.
En canto ás canles de distribución, a maior parte dos exemplares de libros en formato dixital vendéronse a través de plataformas específicas de distribución dixital. Plataformas comerciais xenéricas e outras venderon libros dixitais por valor de 53,31 millóns de euros. A través de plataformas creadas pola propia editorial vendéronse 34,03 millóns de euros en libros dixitais, o 28,6%. As plataformas conxuntas creadas con outras editoriais venderon o 3,4% (4,02 millóns de euros).
O libro de peto
As vendas de libros en formato peto volveu incrementar a súa facturación, ata os 93,32 millóns de euros, un 1,6% máis. Tamén se incrementou o número de títulos editados nun 1,3%, un total de 4.663 títulos. O número de exemplares vendidos foi de 12,39 millóns de exemplares, un 3,8% máis. O prezo medio dos libros neste formato foi de 7,53 euros, catro céntimos menos que en 2017.
Canles de distribución
As librarías e cadeas de librarías mantéñense como as principais canles de vendas de libros. Ambas as dúas suman 1.252,51 millóns de euros, o 53% do total da facturación. A venda de libros en librarías medrou un 2,6%, a mesma porcentaxe que a rexistrada nas cadeas de librarías. “Para o sector editorial as librarías son unha parte imprescindible da cadea do sector do libro. Cremos que é necesario preservar a súa presenza nas rúas non só pola importante actividade económica que representan, senón porque constitúen un piar fundamental da difusión cultural”, sinalou Miguel Barrero.
As vendas no resto de canles, especialmente nas vendas de libros en papel por Internet, tiveron un incremento do 7,6%.
Comercio Exterior
As exportacións do sector do libro español continuaron a medrar en 2018 ata acadar os 615,40 millóns de euros, un 4,5% máis. Este incremento procede fundamentalmente das vendas do sector editorial, que supuxeron 421,40 millóns de euros, un 8,9% máis que en 2017. O sector gráfico, pola súa parte, reduciu as súas exportacións ata os 194,20 millóns de euros, un 3,98% menos. As importacións reducíronse un 5,7% ata os 181,54 millóns de euros.
Isto fai que a balanza comercial do sector do libro reflicta un saldo positivo de 396,26 millóns de euros, un 7% máis que en 2017.
Gráficos e presentación dos Avances: aquí