BARÓMETRO DE HÁBITOS DE LECTURA E COMPRA DE LIBROS EN ESPAÑA 2023
- O 01/02/2024
- Os índices de lectura en España mantéñense estables trala pandemia e medran cinco puntos respecto ao 2012
- Só un 3,1% das persoas que len en Galicia prefiren facelo en galego
Santiago de Compostela, 01 de febreiro de 2024.- Presentado onte en rolda de prensa, o Barómetro de Compra de Libros e Hábitos de Lectura 2023 -que elabora Conecta para a Federación de Gremios de Editores de España- recolle que a porcentaxe de persoas lectoras se consolidou. Pode consultarse o Barómetro coas gráficas aquí.
Desde o 2012, a porcentaxe de persoas que afirman ler no seu tempo de lecer aumentou en cinco puntos porcentuais (do 59,1 % ao 64,1 %). No último ano obsérvase unha mínima caída da porcentaxe de persoas que len no seu tempo libre (64,8 % a 64,1 %).
A porcentaxe de lectoras/es frecuentes (aquelas que len polo menos cunha frecuencia semanal) medrou 4,8 puntos porcentuais, ata o 52% malia que segue a haber unha importante porcentaxe de persoas que non len, pois o 35,9 % afirma non ler nunca ou case nunca.
O Barómetro reflicte ademais que persisten as diferenzas nos índices de lectura entre as diferentes comunidades autónomas, entre mulleres e homes e entre os diferentes tramos de idade. Non obstante, desde 2012 obsérvase un aumento dos índices entre os lectores de 65 e máis anos en máis de 15 puntos porcentuais (53,7 %). Porén, é o tramo de idade no que menor diferenzas hai entre ambos sexos.
A falta de tempo segue ser o principal motivo para non ler segundo catro de cada dez persoas consultadas. O 31% prefire empregar o seu tempo con outros entretementos.
A lectura en menores segue a ser moi maioritaria. No 76,3 % dos fogares con menores de 6 anos as nais e pais lenlle libros á rapazada. O 86% dos nenos e as nenas entre 6 e 9 anos len no seu tempo de lecer.
Só un 3,1% das persoas que len en Galicia prefiren facelo en galego, fronte a un 96,2% que ten o castelán como lingua de preferencia. A cifra supón un descenso de 3 décimas respecto de 2023, e en 2018 este índice chegaba ao 4%. O 5,5% das persoas enquisadas recoñeceu que a última obra que lera estaba en galego.
A lectura en soporte dixital non varía respecto a anos anteriores. Desde 2018, mantense invariable arredor do 30% da poboación que le nese formato. A porcentaxe de usuarios de audiolibros triplícase nese período. Un 6,9 % da poboación maior de 14 anos escóitaos.
Descende levemente a porcentaxe das persoas que pagan polos libros dixitais respecto ao 2022 (38,3 %), pero increméntase 6,3 puntos porcentuais respecto a ese ano. O 64,6 %, descárgaos gratuitamente (case 10 puntos máis ca en 2019). O 67,7 % dos lectores e das lectoras dixitais sabe cando a descarga non é legal.
O 53,2 % das persoas afirma que mercou algún libro (non de texto) en 2023 e as librarías tradicionais seguen a manterse como a canle de compra habitual de libros, seguida de internet (canle máis usada por persoas de entre 25 e 34 anos) e as cadeas de librarías.
INFORME COMPLETO: Hábitos de lectura y compra de libros 2023