
A Asociación Galega de Editoras celebra o Día do Libro con preocupación pola situación do sector
- O 23/04/2018
A Asociación Galega de Editoras celebra o Día do Libro con preocupación pola situación do sector
As cifras tiradas do Informe sobre Datos da edición en Galicia 2006-2016 publicado estes días polo Consello da Cultura Galega, indican que a evolución global da cifra de libros publicados en galego sofre unha caída dun 52,4% de libros inscritos entre 2010 e 2016. Un 50,7% do total de libros inscritos en ISBN en Galicia en 2016 foron publicados en galego. Esta cifra supón unha diferenza de 10,8 puntos porcentuais con respecto á do ano anterior, no que un 61,5% do total de libros inscritos no ISBN en Galicia foron publicados en galego.
A produción de exemplares experimenta un recorte moi importante. Entre o punto de maior produción en 2011 e o 2016 reduciuse a produción nun 47%, o que supón 1,5 millóns de exemplares menos. Como consecuencia, as tiraxes medias tamén descenderon.
No caso do consumo, o gasto en libros non de texto realizado polos fogares galegos na década 2006-2016 experimentou un decrecemento do 54,5%, o que supón case 47 millóns de euros menos. As políticas de gasto público para fomento do libro e da lectura sofren un gran recorte na última década, cun descenso que se sitúa por riba do 50%.
Informe do CCG: Datos da edición en Galicia 2006-2016
Cartaz: David Pintor