A Fundación Xistral e a Casa Rosalía poñen en marcha as celebracións do Día de Rosalía co agasallo de 20.000 escolmas rosalianas ‘Celebrarmos Rosalía’ pola compra dun libro en galego
- O 06/02/2024
·Con motivo do Día de Rosalía a Casa-Museo da autora e a Fundación Xistral poñen en marcha unha campaña de promoción do libro galego e da obra de Rosalía.
·Os lectores e lectoras que merquen un libro en galego nas librarías de Galicia, do 6 febreiro ao 3 de marzo, recibirán como agasallo unha pequena escolma de textos rosalianos, titulada ‘Celebrarmos Rosalía’.
Con febreiro chegan as celebracións do Día de Rosalía que este ano se amplían cunha campaña de promoción do libro galego que agasallará 20.000 escolmas rosalianas entre todas as persoas que merquen un libro en galego. O obxectivo é triplo: celebrarmos Rosalía, como di o propio título, promover o libro en galego e fidelizar lectores e lectoras para mellorar a realidade do libro galego.
Está organizada pola Fundación Rosalía e a Fundación Xistral, unha nova entidade que vén de nacer co obxectivo de promocionar a lingua e a cultura galegas e que, formada por actores importantes da cadea de valor do noso libro, inicia a súa actividade ‘festexando’ a autora máis relevante das nosas letras na compaña de quen protexe e difunde o seu legado.
Cada persoa que merque un libro en galego nas librarías galegas do 6 de febreiro ata o 3 de marzo levará como agasallo unha escolma de textos rosalianos titulada ‘Celebrarmos Rosalía’ realizada por Anxo Angueira e editada pola Casa de Rosalía e Xistral.
Actividade apoiada pola Xunta de Galicia, coa colaboración da Federación de Librarías de Galicia, a Asociación Galega de Editoras, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e El Corte Inglés.