A Orquestra Sinfónica de Chicago programa unha obra do compositor Andrés Gaos, editada por Dos Acordes, para o seu concerto anual
- O 15/12/2023
A Orquestra Sinfónica de Chicago, unha das agrupacións máis importantes do mundo, anuncia que a música de compositores como o coruñés Andrés Gaos (1874-1959) e Joaquín Turina (1882-1949), entre outros, ocupará un lugar destacado no repertorio que interpretará o próximo 19 de decembro no seu tradicional concerto anual.
Tal e como se recolle na súa páxina web, esta iniciativa foi desenvolvida, en parte, por Esteban Batallán, principal trompeta da OSC, quen, xunto co trombonista Michael Mulcahy, propuxeron a posibilidade de incluír música española no repertorio para o concerto deste ano.
A música seleccionada, segundo Mulcahy, inclúe composicións de marcado carácter rítmico e outras fortemente románticas. En xeral, trátase dunha música intensa, de grande expresividade que, pese á súa riqueza, probablemente non é tan coñecida como debería. Entre a selección destaca «Cantos celtas», o segundo movemento da Sinfonía n.º 2, «Nas montañas de Galicia», do eminente compositor galego Andrés Gaos. O devandito movemento, do mesmo xeito que o resto de obras españolas, foi arranxado para a ocasión por Javier Viceiro Filgueira, actual director titular da Orquestra Sinfónica da Arteam (Viana do Castelo, Portugal) e colaborador da editorial Dos Acordes.
Sobre a Sinfonía n.º 2, «Nas montañas de Galicia», de Andrés Gaos
A Sinfonía n.º 2, «Nas montañas de Galicia», de Andrés Gaos, foi publicada por Dos Acordes e a AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Xunta de Galicia. O compositor e director de orquestra Joám Trillo foi o encargado da edición crítica da obra; a introdución correu a cargo do musicólogo Carlos Villanueva, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela.
Con esta edición, a Xunta e Dos Acordes contribuíron á celebración do Ano Gaos 2019, declarado pola Universidade de Santiago de Compostela con motivo do 60.º aniversario da morte do autor, considerado como un dos grandes compositores do pasado século. Así mesmo, este proxecto reflicte á perfección o labor de Dos Acordes por difundir a cultura musical galega para visibilizala e outorgarlle o lugar que lle corresponde.
A edición da Sinfonía n.º 2, «Nas montañas de Galicia», está á venda en establecementos especializados, na libraría institucional en liña da Xunta de Galicia e na tenda online de Dos Acordes.