A ASOCIACIÓN GALEGA DE EDITORAS RECLAMA A CULTURA O REGRESO ÁS FEIRAS INTERNACIONAIS
- O 09/02/2018
A ASOCIACIÓN GALEGA DE EDITORAS RECLAMA A CULTURA O REGRESO ÁS FEIRAS INTERNACIONAIS DO LIBRO
- O presidente do gremio, Xosé Ballesteros, manifestoullo así hoxe ao secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na reunión mantida a petición deste, trala decisión da Xunta de Galicia de retirar o seu apoio ás feiras do libro de Boloña, Frankfurt, LIBER e Guadalaxara (México).
- Polo de agora, a AGE participará, con fondos propios, na Feira de Boloña, onde xa confirmaron a súa presenza dez empresas.
Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2018.– O presidente da Asociación Galega de Editoras (AGE), Xosé Ballesteros, acompañado polo vicepresidente do colectivo, Henrique Alvarellos, acudiu hoxe á reunión solicitada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, un encontro onde tamén estivo presente a subdirectora xeral de Bibliotecas da Xunta, Cristina Rubal.
A AGE solicitou á Secretaría Xeral de Cultura que reconsiderase a súa renuncia a participar nas futuras feiras internacionais do libro, trala resolución adoptada polo goberno galego o pasado día 29 de decembro de 2017 onde a Consellería de Cultura anulaba a súa participación para 2018 nas feiras de Boloña (Italia), Liber (Barcelona), Frankfurt (Alemaña) e Guadalaxara (México).
A AGE considera que o sector do libro galego, tal e como se recolle na Lei do Libro de Galicia (aprobada por unanimidade no Parlamento galego en decembro de 2006) é estratéxico para o país, e non se pode renunciar a súa promoción internacional. Galicia sería a única Comunidade Autónoma con lingua propia que non tivese presenza nas feiras do libro máis importantes do mundo.
DEZ EDITORAS PARTICIPARÁN EN BOLOÑA
A Asociación Galega de Editoras —que representa ao 90% da produción editorial do país— participará, con recursos propios, na próxima Feira do Libro de Boloña (Italia), a máis relevante do mundo para a literatura infantil e xuvenil, que se celebrará entre os días 26 e o 29 de marzo. Dez empresas editoras asociadas a AGE confirmaron xa a súa participación neste evento, o que demostra a decidida aposta do sector polos mercados internacionais.
Tralo encontro mantido hoxe coa Secretaría Xeral de Cultura, a Asociación Galega de Editoras confía en que se inicie unha nova etapa de colaboración real na que se busquen liñas de encontro guiadas por un interese que debe ser común: a promoción do libro galego e, en definitiva, a cultura do país.
Foto: vista xeral dunha das feiras internacionais
Asociación Galega de Editoras
tel. 881 81 72 64 – 609 83 15 11