Convocatoria do III premio Antón Risco de Literatura Fantástica
- O 05/09/2017
Urco Editora, a Fundación Vicente Risco, Auga Editora, Âncora Editora, Sacauntos Cooperativa Gráfica, Libraría Aira das Letras, Livraria Traga-mundos, Pastelería Fina Rei e A Fábrica de Vilanova, convocan conxuntamente o
«III Premio Antón Risco de Literatura Fantástica» coa fin de homenaxear o escritor e teórico da literatura alaricano Antón Martínez-Risco Fernández.
Por tal motivo e co fin de continuar o seu labor de divulgar o xénero fantástico convoca este premio conforme ás seguintes BASES:
Primeira: Poderá concorrer a este premio calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría redactados en lingua galega ou portuguesa, cunha extensión mínima de 150.000 caracteres con espazos e máxima de 600.000.
Segunda: O prazo de entrega remata o día 30 de outubro de 2017 e os orixinais deberán entregarse na sede de Urco Editora, en Rúa do Avío, 11 baixo – 15705 Compostela, ben de xeito presencial, ben por correo postal ou mensaxería, sen que consten no exterior datos identificativos do/a autor/a.
Terceira: Os orixinais presentaranse en formato PDF, ODT ou DOC, gravados nun CD ou nunha memoria externa, maquetados en formato DIN-A4, en letra Times ou semellante de corpo 12 e a dobre espazo. Alternativamente, poden enviarse en papel, caso no que deberán entregarse 5 copias debidamente encadernadas.
Calquera orixinal entregado en letra Comic Sans será automaticamente descartado e o/a autor/a denunciado/a ante as autoridades competentes.
Os orixinais, veñan en CD ou en papel, irán acompañados dun sobre fechado que conterá a identidade do/a autor/a (nome completo, enderezo, teléfono e correo electrónico) e o título definitivo da súa obra, facendo constar no exterior só o título ou lema da mesma.
Cuarta: A obra gañadora será premiada con 3000 euros (suxeitos ás retencións fiscais pertinentes) e a publicación do libro. Urco Editora e Âncora Editora serán as encargadas da edición e publicación da mesma en lingua galega ou portuguesa e Auga Editora da tradución, edición e publicación en lingua española.
Quinta: O xurado estará composto por cinco persoas escollidas entre personalidades recoñecidas do mundo da literatura e da edición.
Sexta: Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do xurado, o premio poderá declararse deserto.
Sétima: A contía do premio considérase en concepto de anticipo polos dereitos de autoría, polo que Urco Editora, Auga Editora, Âncora Editora e demais convocantes, resérvanse o dereito de publicación da primeira edición da obra gañadora en lingua galega ou portuguesa e castelá. O/A beneficiario/a do premio, recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada en cada lingua e na adquisición doutros exemplares contará cun desconto do 50%. Asemade, a persoa gañadora do premio será convidada a formar parte do xurado na seguinte edición. Se os dereitos de autoría xerados polas vendas superasen a contía do premio, procederase a liquidar periodicamente os mesmos con normalidade.
Oitava: As entidades convocantes resérvanse o dereito a publicar, xunto co fallo, os lemas das obras finalistas cuxa publicación recomendase o xurado, mais sen abrir a plica, para respectar así o seu anonimato. Os/As autores/as das obras mencionadas que así o desexen, poderán poñerse en contacto coas entidades convocantes para trataren o tema da publicación.
Novena: Os orixinais que non resulten premiados serán devoltos aos seus autores e autoras no caso de o requiriren por escrito antes de rematar o mes seguinte á decisión do xurado.
Décima: O fallo do xurado terá lugar en Allariz, na Fundación Vicente Risco, durante o mes de febreiro de 2018.
Undécima: A participación neste premio leva de seu a aceptación das presentes bases, así como a decisión do xurado, que será inapelábel.
Máis información: Urco Editora