CONVOCATORIA XIV PREMIO INTERNACIONAL COMPOSTELA PARA ÁLBUMS ILUSTRADOS
- O 03/03/2021
O CONCELLO DE SANTIAGO E KALANDRAKA CONVOCAN O XIV PREMIO INTERNACIONAL COMPOSTELA DOTADO CON 9.000 EUROS AO MELLOR ÁLBUM ILUSTRADO
O prazo de recepción de traballos remata o 14 de maio e o fallo do xurado coñecerase a última quincena de xuño
O Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela e Kalandraka Editora convocan o XIV Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cunha dotación económica única de 9.000 euros. O prazo de presentación dos traballos rematará o 14 de maio de 2021 e o fallo do xurado darase a coñecer durante a última quincena de xuño.
Ao XIV Premio Internacional Compostela poden optar autores e ilustradores de calquera nacionalidade con obras orixinais e inéditas, escritas en calquera lingua oficial da Península Ibérica. As persoas interesadas en participar no certame deberán enviar cinco copias do texto, tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en color de cada unha delas, xunto cunha maqueta acabada de todo o proxecto.
Os proxectos poderán presentarse en calquera tamaño, técnica e formato; a extensión non deberá superar as 40 páxinas interiores (sen contar gardas nin cubertas). O material, asinado baixo lema ou seudónimo, e cos datos persoais dos participantes incluídos nun sobre pechado, enviarase ao Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende nº4, 15705 Santiago de Compostela).
OBRAS PREMIADAS EN ANTERIORES EDICIÓNS
A primeira gañadora do Premio Internacional Compostela foi a arxentina Natalia Colombo, autora e ilustradora da obra titulada «Cerca». Ao ano seguinte o mexicano Felipe Ugalde recibiu o galardón por «Un gran soño». O autor Pep Bruno e a ilustradora Mariona Cabassa foron distinguidos na terceira edición polo libro «A familia C». O uruguaio Martín León Barreto gañou a cuarta convocatoria con «A viaxe de Olaf». Seguiulle «Bandada», dos mexicanos Julia Díaz e David Álvarez. Na sexta edición a obra elixida foi «Mamá», da arxentina Mariana Ruiz Johnson. Na convocatoria de 2014 foi premiado «Ícaro», do pacense Federico Delicado. A galardoada en 2015 foi «Despois da chuvia», do cordobés Miguel Cerro. Ao ano seguinte, o premio recaeu nos autores gregos Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi por «Unha última carta». Na décima edición gañou «A horta de Simón», da arxentina Rocío Simón. Fran Pintadera e Christian Inaraja foron os autores galardoados en 2018 por «Cándido e os demais» e, ao ano seguinte, a búlgara Mariann Máray co álbum «O can de Milu». Na pasada edición resultou seleccionado o proxecto do italiano Pietro Gottuso, «Dende 1880».
Na súa traxectoria, o certame suma cerca de 3.500 obras presentadas dende numerosos países. Ademais, algúns dos libros dintinguidos co Premio Compostela teñen colleitado outros recoñecementos de ámbito estatal e internacional, figurando nos Premios Nacionais de Edición, na Lista de Honra IBBY, na selección The White Ravens e no Premio Cuatrogatos.