
Galaxia presenta ’70º norte’, de Xaime Toxo, en Cangas
- O 20/10/2023
O sábado 21 de outubro, celebrarase, ás 12:30 h., na libraría Wells de Cangas, a presentación de ’70º Norte’, de Xaime Toxo. Acompañando o autor, estarán Silvia García, artista e docente da UVigo; e Inés Volpe, axente literaria.
Xaime Toxo debuta, en Editorial Galaxia, coa novela ’70º Norte’, publicada na colección Literaria.
Nesta distopía fantástica, o autor, presenta o colapso social que acontece nas grandes áreas metropolitanas, indiferentes ao que non sexa o seu propio ritmo desaforado de desenvolvemento.
Unha reminiscencia pandémica, na que unha praga contaxiosa leva á civilización postindustrial aos límites da desaparición. No medio desta extinción, sen conciencia do perigo, un pequeno grupo intúe que o paradoxo da salvación radica nas persoas que permaneceron illadas nos remotos contornos dunha natureza tan implacable como imprescindible.
A Colonia é como denominan o campamento nómade onde viven. Moverse cara ao norte non é unha opción, senón unha condición de supervivencia.