Núria Figueras e Anna Font gañan o XVI Premio Internacional Compostela con “La visita”
- O 30/06/2023
As autoras catalás Núria Figueras e Anna Font foron as gañadoras do XVI Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados co proxecto titulado “La visita”, que aborda o tema do silencio. O Departamento de Educación do Concello de Santiago e KALANDRAKA organizan este certame dotado con 9.000 euros e a publicación da obra distinguida -que estará dispoñible nas cinco linguas peninsulares- o vindeiro mes de novembro.
Núria Figueras é autora de varios libros para público infantil e xuvenil. Licenciada en Ciencias da Información, actualmente é editora da revista infantil El Tatano, el Cavall Fort dels petits. A súa obra foi recoñecida cos premios Mercè Llimona (2002) e Comte Kurt (2003). A ilustradora Anna Font formouse na Escola de la Dona e no Centre Universitari de Disseny i Art de Barcelona. Ten publicado varios libros ilustrados, que lle valeron os premios Vila de Térmens (2021) e Serra d’Or (2020), e foi finalista no certame da Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña en 2020 e 2021. Tamén colabora nas revista El Tatano e Pantera, e compaxina o seu traballo creativo coa docencia.
O xurado estivo formado pola autora e ilustradora portuguesa Catarina Sobral; Asun Agiriano, bibliotecaria e promotora de lectura na Biblioteca Municipal de Arrasate-Mondragón (Gipuzkoa); os ilustradores Ignasi Blanch e Xosé Cobas; a directora editorial de KALANDRAKA, Manuela Rodríguez; a edil de Educación do Concello de Santiago, Míriam Louzao Fernández, e Cristina Salgado como secretaria.
Elixida por unanimidade, “La visita” é un álbum ilustrado “perfectamente construído” e con “múltiples lecturas”. Destaca pola “gran calidade literaria” do texto, que presenta “a visita do silencio -personificado- á casa onde vive un pequeno raposo”. Trátase dunha narración “áxil e tenra” que logra que o lector ou lectora “se reencontre coa súa propia esencia”. A proposta gráfica ten un “cromatismo desbordante e cheo de matices”, en base ao perfecto dominio da “arte secuencial do álbum e a construcción do discurso narrativo”. O xurado salientou que “nunha sociedade como a actual, saturada de ruído, de contaminación sonora, a reivindicación de momentos de silencio e de soidade é cada vez máis necesaria”. No caso desta obra, “o silencio móstrase cunha síntese efectiva, plena de expresividade”.
Máis información no Blog K