A ASOCIACIÓN GALEGA DE EDITORAS RECOÑECIDA CO VI PREMIO XELA ARIAS
- O 02/11/2023
- Outorgado pola Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) recoñece o labor e dedicación da AGE na promoción do libro galego e a visibilidade ao labor da tradución, cun diálogo aberto e directo entre profesionais e empresas
Santiago de Compostela, 02 de novembro de 2023.- Coincindo co 20º cabodano de Xela Arias, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) vén de facer pública a resolución do VI Premio Xela Arias que nesta edición recaeu na Asociación Galega de Editoras. A directiva da AGE manifestou a AGPTI o agradecemento polo premio que “recoñece o labor e a dedicación da AGE na promoción do libro galego e a visibilidade ao labor da tradución, cun diálogo aberto e directo entre profesionais e empresas”.
O xurado do VI Premio Xela Arias analizou, nos últimos anos, o aumento do xurdimento de editoras que teñen a tradución como unha das súas principais áreas de traballo; polo que este premio é, segundo destacou AGPTI, “a forma de agradecer ese vínculo coa nosa profesión, cada vez máis profesionalizado”.
As gañadoras das pasadas edicións do Xela Arias foron a tradutora María Alonso Seisdedos (2018), a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo (2019), o proxecto cooperativo NUMAX (2020) e a revista científica Viceversa e A Mesa pola Normalización Lingüística (2022).