A Editorial Galaxia presenta “Movendo os marcos do patriarcado”, na Coruña
- O 27/04/2021
A Editorial Galaxia convida á presentación de Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán, de Marilar Aleixandre e María López Sández, o mércores 28 de abril, ás 19:00 h, no Salón de actos da Academia Galega, na Coruña. Acompañando as autoras, asistirán Olivia Rodríguez, profesora titular da UDC, e Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.
Debido á redución de capacidade da sala por protocolo Covid-19, cómpre reservar praza no correo: comunicación@editorialgalaxia.gal
As ideas de Emilia Pardo Bazán contribuíron a mover os marcos do patriarcado. Para alén de denunciar a violencia contra as mulleres, a física, dando nome aos mullericidios, e a simbólica; de criticar a asimetría nos xuízos a mulleres e homes; de esixir a fin das discriminacións que impedían ás mulleres estudar e exercer traballos remunerados, identificou
algunhas das bases ideolóxicas que sustentan estas discriminacións e violencias, algúns dos mecanismos polos que se exercen, o que hoxe chamamos patriarcado. Exemplos son a doutrina que supón diferenzas naturais, intelectuais e mesmo morais entre mulleres e homes; a negación ás mulleres dos dereitos chamados “universais” asignándolles un destino relativo ao dos varóns e a familia; a crenza en que os homes son donos da vida e morte das mulleres.
Coa súa vida e a súa obra, Emilia Pardo Bazán afirmou o dereito das mulleres a seguir “o seu propio destino”, ao pracer, a tomar a pluma e reivindicar as mulleres “até a última gota de tinta”.