Actos de Xerais na “Muralla de letras” en Lugo
- O 11/12/2020
Edicións Xerais de Galicia participa con senllas actividades na “Muralla de letras”, evento organizado pola Deputación de Lugo con motivo da celebración dos vinte anos como Patrimonio da Humanidade da Muralla de Lugo.
O programa de actividades que terá lugar os días 11, 12 e 13 de decembro de 2020 no Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo
Venres 11 de decembro ás 18:30 horas:
Ledicia Costas en conversa con Eva Mejuto.
A autora de obras como Infamia, A señorita Bubble. Baixo cero ou Os Minimortos. Benvido ao Outro Barrio, entre outros títulos, falaranos do oficio da escrita, da súa obra e universo creativo, facendo especial fincapé nas súas máis recentes publicacións, así como de futuros proxectos literarios.
Sábado 12 decembro ás 13:00 horas:
Presentación de Ninguén morreu de ler poesía.
O libro Ninguén morreu de ler poesía é un “estiven en Aldaolado e lembreime de ti” en toda regra. E nós, Aldao e Lado, que levamos quince intensos anos de ruta polo país da poesía, imos ir a Lugo a levarche o “souvenir” en persoa, a contarche a viaxe, as batallas, os segredos das aventuras que nos levaron aos poemas.
Sábado 12 de decembro ás 20:00 horas:
Presentación de Un señor elegante de Suso de Toro.
A familia Baltar atesoura un sorprendente patrimonio cultural e humano. Atraído polo insólito perfil dalgún dos seus membros, o escritor Suso de Toro realiza unha indagación para reconstruír a historia da familia que, en distintos momentos, protexe a Rosalía de Castro e Murguía e logo á familia Castelao ou a Dieste.
Máis información: Xerais.gal
Imaxe: capa Ninguén morreu de ler poesía (Xerais)