A CORUÑA ACOLLERÁ, DO 13 AO 15 DE XUÑO, O ENCONTRO GALEUSCA DA EDICIÓN, ORGANIZADO POLA ASOCIACIÓN GALEGA DE EDITORAS
- O 08/06/2018
Santiago de Compostela, venres 8 de xuño de 2018.- O encontro Galeusca de editoras regresa a Galicia, logo de 7 anos, organizado pola Asociación Galega de Editoras en colaboración coa Asociación de Editores en Lingua Vasca (Euskal Editoreen Elkartea), a Associació d ´Editors en Llengua Catalana e a Associació d’Editors del País Valencià. O Galeusca, cuxa primeira edición tivera lugar en novembro de 1986 en Santiago de Compostela, celebra nesta ocasión a súa edición número 16.
As xornadas de traballo desenvolveranse na Fundación Luís Seoane da Coruña, entre os días 13 e 15 de xuño. Este encontro profesional reúne a diferentes expertos e promotores do mundo da edición nos territorios Galeusca coa finalidade de colaborar entre os gremios, compartir experiencias, estratexias e darlle visibilidade á edición nas linguas propias.
SESIÓNS DE TRABALLO E ACTOS SOBRE A IGUALDADE DE XÉNERO
Cinco sesións de traballo e un panel de experiencias editoriais en promoción da lectura vertebran un programa que se inicia o mércores 13 de xuño, coa recepción de convidados no Concello da Coruña, ás 19:00h e co espectáculo de poesía escénica de Iria Pinheiro, Uralita, no Auditorio Fundación Luís Seoane, ás 21:00 horas.
O xoves 14 de xuño, Manel Romero (Associació d’Editors del País Valencià), Joxemari Sors (Elkar), Hakan Casares (Consello da Cultura Galega) e Pep Lafarga (Associació d’Editors en Llengua Catalana) abrirán a primeira sesión de traballo “Panorama da edición nas linguas dos territorios Galeusca” (10:30h.). Seguiranlle, Pello Elzaburu (Pamiela) e Xosé Ballesteros (Kalandraka Editora) con Coedicións e accións colaborativas, na segunda sesión de traballo “Propostas e políticas proactivas da situación editorial” (12:30 horas).
Ás 13:30 h. “Experiencias editoriais en promoción da lectura” con Francisco Castro (Editorial Galaxia): “Os retos lectores”.
As sesións continúan na tarde do xoves 14, ás 16:30 horas, con Joan Sala (Comanegra), Javier Pascual Echalecu (Subdirección Xeral do Libro, a Lectura e as Letras Españolas), e Dolors Pedrós (Edicions 96) en “Plans de lectura. Accións concretas e experiencias por cada área lingüística”.
Ás 18:30h., a sesión de traballo “Internacionalización do sector editorial nos territorios Galeusca” reunirá a Mikel Soto (Txalaparta), Manel Romero (Associació d’Editors del País Valencià), Silvia Bello (Asociación Galega de Editoras), e a Montse Ayats (Eumo).
Finalmente, o venres 15 de xuño, rematan as xornadas coa quinta sesión de traballo “A igualdade no sector editorial, un proceso en construción”, con Belén López (Baía Edicións), Idoia González (Erein), África Ramírez (Balandra Edicións), Reina Duarte (Grupo Edebé), ás 09:30 horas e coa Elaboración e a aprobación das Conclusións ás 11:30h.
O programa compleméntase coa exposición “A igualdade de xénero no sector editorial galego”, no patio da Fundación Luís Seoane, durante as xornadas que dura o evento.
O encontro Galeusca conta coa colaboración da Xunta de Galicia, o Concello da Coruña (a través das concellarías de Cultura e de Igualdade e Diversidade) e a Fundación Luís Seoane.
Programa Galeusca 2018