Baía Edicións presenta ‘Mulleres espontaneadas’, de Ángel Arcay, en Compostela
- O 25/04/2023
A Libraría Numax de Compostela acolle o acto presentación de ‘Mulleres espontaneadas. Fraxilidade humana e cópula carnal nas comarcas do Eume e Ferrol (XVIII-XIX)’, de Ángel Arcay, o xoves día 27 de abril ás 20.30 horas. O autor do ensaio, Ángel Arcay Barral -historiador, investigador e director do Museo das Mariñas de Betanzos-, obtivo o VI Premio de Investigación Hume 2021 (As Pontes).
No acto de presentación participará o autor, acompañado pola directora de Baía Edicións, Belén López Vázquez, que se encargarán de facer un achegamento crítico á obra.
Sinopse:
Ángel Arcay Barral realiza un importante estudo, centrado nas comarcas do Eume e Ferrol e no que recupera 555 expedientes do Arquivo Notarial da Coruña, sobre aquelas mulleres que se presentaban voluntaria ou obrigadas ante as autoridades para autoinculparse polo feito de teren quedado embarazadas. Estas mulleres, na inmensa maioría dos casos viúvas ou solteiras, contan ante as autoridades todo o proceso do preñado coa intención de recibir o perdón pola franqueza das súas declaracións, logrando con iso tamén un salvoconduto para non seren molestadas por tal feito.
Ángel Arcay, dando continuidade a investigacións similares realizadas por Ana Romero Masiá, Serrana Rial García e Miguel García-Fernández, explica as chaves e a importancia deste concepto xurídico case descoñecido e único na Galiza dos séculos XVIII e XIX.