Edicións Fervenza presenta e entrega o premio do Concurso Balbino de Relatos
- O 24/11/2023
O martes 28 de novembro, ás 20:00, no Liceo de Ourense, terá lugar a presentación e entrega do VIII premio do Concurso Balbino de Relatos a Clara Martín pola obra Loucine.
No acto de presentación a autora estará acompañada da música de Iván González Carrera; polo directivo do Liceo de Ourense, Juan Fonseca; o profesor, escritor, investigador e crítico literario Armando Requeixo; a profesora e escritora Rosalía Morlán; o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Fernando Redondo; o concelleiro de Cultura do Concello de Vila de Cruces, Julio López; e o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo.
A obra
Loucine é a obra que resultou gañadora do VIII Concurso Balbino de Relatos da que o xurado do premio, composto por Carlos Loureiro (profesor e escritor), Fernando González Graña (escritor e dramaturgo), Xosé Manuel Lobato (profesor e escritor), Rosalía Morlán (escritora e poeta) e Armando Requeixo (profesor, escritor, investigador e crítico literario) destacaron o: “Gran traballo na caracterización dos personaxes nunha historia que atrapa pola intriga e que é quen de reflectir, con notable habelencia, unha sinfonía de soidades na que todos os seres deste relato atopan o seu lugar no mundo“.
Tal e como describe a propia autora, “Loucine é unha bágoa esvarando lentamente pola meixela e dará nome á máis profunda soidade e á máis absoluta derrota. Pero se de toda esa desolación e dese estrago se logra saír, se se pode arrincar un chisco de luz na escura noite da destrución, se na fin do mundo volve amencer… entón non está todo perdido. A morte non sempre é o final, o esquecemento si”.
Concurso
Baixo o nome de “Balbino”, protagonista da obra máis internacional da literatura galega Memorias dun neno labrego, do célebre escritor Xosé Neira Vilas, este concurso xurdiu no ano 2016 co fin de promocionar a literatura, a lingua e aos/ás escritores/as de Galicia.
De periodicidade anual, as bases que debían cumprir os orixinais presentados requirían unha extensión de entre 100.000 e 200.000 caracteres e, como non, centrarse na temática galega, co rural, o mar ou a emigración como protagonista.
Loucine, de Clara Martín, únese á lista de premiados nos que se inclúen, por orde cronolóxica, as obras Camiños na sombra, de Xián Lois Alcayde Dans (A Coruña); De que falarán as árbores, de Ricardo Cid Paz (Ourense); Máis alá do río do esquecemento, de Ricardo Ferreiro Almeda (Sevilla, pero natural de Allariz); Banda Sonora Orixinal, de Pablo Nogueira Campo (O Carballiño); Bica de Montouto, de Pepe Peinó (Lugo); Gumes entre a néboa, de Xosé Alfredo Naz Fernández (Vigo); e A comuna de Valdonelle, de Carlos Neira Suárez (Ferrol).
Colaboracións
O Concurso Balbino de Relatos conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, o departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, a Fundación Xosé Neira Vilas, e os concellos de Boqueixón, Silleda e Vila de Cruces.