
O CONFINAMIENTO INCREMENTOU O NÚMERO DE LECTORES SEMANAIS DE LIBROS AO SEU MÁXIMO HISTÓRICO
- O 02/03/2021
- A porcentaxe de lectores de libros que len polo menos unha vez á semana acadou o 52,7%, en 2020 e chegou a un máximo histórico do 57% durante o confinamento
- O tempo dedicado á lectura tamén se incrementou, pasa de 6 horas e 55 minutos antes do confinamento a 7 horas e 25 minutos, a finais de 2020. Durante o confinamento acadou as 8 horas e 25 minutos semanais.
- Ao 81% do lectorado, a lectura axudoulle a “levar mellor a situación durante o confinamento”.
- O 68,8% dos maiores de 14 anos leu libros ao longo de 2020. Un 64% ten a lectura como unha actividade de ocio, no seu tempo libre. Un 23,1% le por traballo ou estudos. O 36% da poboación non le nunca ou case nunca libros.
- O incremento no número de lectores por ocio en tempo libre foi xeneralizado en todas as comunidades autónomas. Cataluña e Andalucía foron as que rexistraron máis incremento: 2,3 puntos.
- A lectura de libros en formato dixital segue a medrar, o 30,3% dos maiores de catorce anos len neste formato, polo menos unha vez por trimestre.
- Un 51,7% comprou libros (non de texto) en 2020, un 1,3% máis ca en 2019. A libraría tradicional mantense como principal canle para a compra e medra en 2020.
(Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2021) O confinamento tivo un efecto positivo sobre os índices de lectura no noso país que creceron ao longo de 2020. Esta é unha das principais conclusións do Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros en España 2020, que foi presentado a semana pasada polo Ministro de Cultura e Deporte, José Manuel Rodríguez Uribes, e o presidente en funcións da Federación de Gremios de Editores de España ( FGEE), Patrici Tixis.
Este estudo, elaborado para a FGEE, co patrocinio de CEDRO e en colaboración co Ministerio de Cultura e Deporte, amosa como a lectura e o libro axudou a boa parte da poboación, a soportar un ano complicado, especialmente durante o período de confinamento, o que claramente reflicte que o libro é un ben considerado de primeira necesidade para moitas persoas. Isto manifestouse tanto no incremento do índice de lectura, especialmente na lectura frecuente (polo menos semanal), como actividade de lecer, e no tempo dedicado a esta. En concreto, os datos reflicten que, en 2020, o 68,8% da poboación do Estado leu libros. Destes, un 64% fíxoo por lecer, no seu tempo libre. O 23,1% leu por traballo ou estudos, porcentaxe que cae con respecto a 2019 (27,5%).
Aínda que a porcentaxe total de persoas que leu un libro en 2020 creceu lixeiramente (0,3 puntos), o Barómetro reflicte un incremento na porcentaxe de lectores en tempo libre, que pasa do 62,2% en 2019 ao 64%, e acumula unha subida de 7 puntos porcentuais no últimos dez anos. Máis significativamente aumentou a porcentaxe de lectores que len de forma frecuente (diariamente ou polo menos unha vez á semana), que pasa do 50% ao 52,7%.
O Barómetro recolle o importante crecemento que se produciu durante as semanas de confinamento durante as que a porcentaxe de quen leu cunha frecuencia polo menos semanal alcanzou o 57%, máximo histórico. Unha parte significativa do incremento en lectura xerado polo confinamento mantívose unha vez que finalizaron as restricións de mobilidade. Hai que sinalar que foi entre a poboación menor de 35 anos onde se produciu o maior crecemento de lectores frecuentes, especialmente entre a franxa de poboación entre 25 e 34 anos.
Hai que destacar ademais que a lectura tivo un efecto positivo á hora de soportar o confinamento. O 81% das persoas entrevistadas recoñeceron que os libros lles axudaron a levar mellor a situación, con beneficios como o entretemento ou a desconexión, tamén proporcionou alegría, tranquilidade e relaxación.
Crecemento de lectores en todas as Comunidades Autónomas
O incremento no número de lectores por lecer en tempo libre foi xeneralizado en todas as comunidades autónomas. O crecemento foi maior en Cataluña e Andalucía, onde subiu 2,3 puntos respecto do 2019. Baleares e Castela e León foron as que rexistraron un menor incremento; 0,7 e 0,8, respectivamente. Tamén significativo é o incremento do tempo dedicado á lectura que pasou de 6 horas e 55 minutos antes do confinamento a 7 horas e 25 minutos, unha vez finalizado o confinamento. Cabe sinalar que durante leste alcanzou as 8 horas e 25 minutos semanais. Se realizamos unha análise máis en profundidade da lectura por rexións obsérvase que Galicia atópase moi preto da franxa das CC. AA. Con menor se incrementou o número de lectores. E a pesar da mellora dos índices de lectura en tempo libre en todas as comunidades autónomas, segue a haber grandes desequilibrios se comparamos as rexións onde máis se le, Madrid, País Vasco, Navarra e Cataluña con aquelas onde se le menos, Estremadura, Canarias, Andalucía e Castela-A Mancha.
Desequilibrios que tamén se producen tanto nos diferentes tramos de idade, como por nivel de estudos. En canto á idade, o tramo con maior poboación lectora é a comprendida entre os 14 e os 24 anos (73,8% de poboación lectora en tempo libre). A partir dos 25 anos prodúcese unha caída nos índices de lectura (64,2%).
Recupérase a contorna dos 35 anos e volve caer de forma significativa entre a poboación con idade superior aos 65 anos (49,2%)
Lectura en formato dixital
O 30,3% da poboación maior de catorce anos le libros en formato dixital polo menos unha vez ao trimestre. Esta porcentaxe é 1,2 puntos superior á rexistrada en 2019. Os lectores que len libros en formato dixital empregan en maior proporción os e-readers (12,6%) e o computador (12,5%). Tamén é significativa a lectura de libros a través de tableta (10,1%) e do móbil (6,2%).
Compra e adquisición de libros
Se a porcentaxe de lectores de libros creceu en 2020 tamén o fixo a porcentaxe de compradores. O 51,7% da poboación comprou un libro neste ano. Isto representa 1,3 puntos con respecto a 2019. Se analizamos o ocorrido desde 2010, a porcentaxe de compradores de libros incrementouse en 11 puntos porcentuais. Un ano máis, o Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros pon de manifesto que as librarías son os lugares preferidos polos lectores para acceder aos libros, o que os converte en establecementos que han de ser preservados e axudados, especialmente en situacións coma as que actualmente se están a vivir. A libraría tradicional mantense como a principal canle de compra de libros non de texto. Un 71,1% das compradoras elixiron estes establecementos para a adquisición dalgún exemplar. Séguelle Internet como canle de compra (incluídas as plataformas das librarías), que foi elixido polo 38,4% das persoas compradoras nalgunha das súas adquisicións. Entre a poboación con idades comprendidas entre 25 e 44 anos, esta porcentaxe sobe ata o 49%.
Información completa: FGEE
Gráficas tiradas do Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros en España 2020
(Conecta)