MANIFESTO POLA LECTURA/LJUBLJANA READING MANIFESTO
- O 09/01/2024
A Asociación Galega de Editoras, como integrante da Federación de Editores Europeos, súmase e difunde o coñecido como «Ljubljana Reading Manifesto», un documento en defensa da lectura profunda, feito público o pasado mes de outubro de 2023 na capital eslovena, e defendido polas máis importantes institucións e organismos internacionais do mundo do libro.
A autoría corresponde a catro especialistas: André Schüller-Zwierlein, da Universidade de Regensburg; Anne Mangen, da Universidade de Stavanger, Noruega; Miha Kovač, da Universidade de Ljubljana e Adriaan van der Weel, da Universidade de Leiden. A tradución ao galego corresponde a Cristina Río López.
Apoian este manifesto: Unión Internacional de Editores, Academia Alemá de Lingua e Literatura, Federación de Editores Europeos, EURead, consorcio de organizacións europeas para o fomento da lectura. PEN Club Internacional, Federación Internacional de Asociacións Bibliotecarias, Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY) e Axencia Eslovena do Libro.
En Santiago de Compostela, a 9 de xaneiro de 2024.
Manifesto pola lectura profunda
«Ljubljana Reading Manifesto»
A lectura profunda é a ferramenta máis poderosa con que contamos para desenvolver o pensamento analítico e crítico. Exercita a metacognición e a paciencia cognitiva, amplía as nosas capacidades conceptuais e fórmanos en empatía cognitiva e na toma de perspectiva, habilidades sociais indispensables para sermos cidadanía informada nunha sociedade democrática. Os asinantes deste manifesto apelamos a que se recoñeza a perenne relevancia da lectura profunda na era dixital.
Como inverter a tendencia á baixa das competencias de lectura é un dos retos urxentes aos que se enfronta a sociedade actual. Para participarmos como cidadanía informada nunha sociedade democrática, precisamos competencias e prácticas de lectura profunda que vaian moito máis aló da mera descodificación dos textos.
A lectura non só constitúe a principal vía de desenvolvemento persoal, o fundamento da aprendizaxe permanente e a base de gran parte do noso intercambio de información, senón que tamén é unha dimensión primordial da interacción e a participación sociais.
AS AMEAZAS NA ERA DIXITAL
A era das tecnoloxías de pantalla, en rápida expansión, puxo ao noso alcance unha enorme cantidade de contidos de audio, visuais e textuais. A revolución dixital trouxo moitos resultados positivos; así, por exemplo, os contidos textuais tornáronse máis accesibles en zonas desfavorecidas e poden atenderse mellor as necesidades dos lectores que teñen algunha deficiencia ou distintas capacidades.
Porén, hai que poñer coidado para que determinadas competencias e modos de lectura non parezan unha reliquia dunha era previa da información que se encamiña rapidamente cara á súa desaparición, o cal afecta, sobre todo, aos libros de formato extenso e á lectura profunda que estes favorecen.
Poida que o eido dixital fomente a lectura máis que nunca antes na historia, pero tamén ofrece moitas tentacións para ler dun xeito superficial e disperso, ou mesmo para non ler nada, o cal supón unha ameaza cada vez maior para a lectura profunda.
Xa que logo, apelamos a que se reconsidere a función que desempeña este tipo de lectura na era dixital. En efecto, nunha contorna informativa cuxa complexidade vai en aumento, os cidadáns informados deben ser quen de distinguir as fontes válidas das que non o son e de ter a flexibilidade de adaptar o seu comportamento de lectura a contextos diferentes.
O acto de ler a un nivel profundo constitúe un exercicio de atención e paciencia cognitiva, que amplía o vocabulario e as capacidades conceptuais e serve para cuestionar as ideas preconcibidas dos lectores.
Son, en especial, os textos de formato longo, como os libros, os que afinan as nosas destrezas de lectura a ese nivel: apréndennos a poñer a proba distintas interpretacións, así como a detectar contradicións, nesgos e erros na lóxica e a formar esas conexións, tan complexas e fráxiles, que se establecen entre os textos e os contextos culturais que precisamos para o intercambio de pareceres e emocións humanos.
A FERRAMENTA MÁIS PODEROSA PARA DESENVOLVER O PENSAMENTO CRÍTICO
A lectura profunda é a ferramenta máis poderosa de que dispoñemos para desenvolver o pensamento analítico e estratéxico: sen ela carecemos da debida preparación que nos permitiría facer fronte ás simplificacións populistas, ás teorías da conspiración e á desinformación e, en consecuencia, tornámonos vulnerables á manipulación.
Porén, os profesionais do ensino centran cada vez máis a súa atención nos medios multimodais, á custa dunha inmersión a fondo na información textual; alén diso, por mor dunha propensión á eficiencia, a complexidade da lectura é considerada un problema que debe ser resolto mediante a simplificación, no canto de se entender como un espello da complexidade humana e como actividade que fomenta o pensamento analítico e estratéxico.
Por último, na actualidade tamén se pon o foco, tanto no ensino da lectura como na súa avaliación, nas destrezas funcionais e informativas básicas, pasando por alto a importancia que, ao longo da vida, ten a lectura profunda no desenvolvemento dun pensamento crítico que supón unha condición previa para o bo funcionamento da democracia.
ENSINO, DINAMIZACIÓN, AVALIACIÓN E INVESTIGACIÓN
Apelamos, xa que logo, ao ensino e á dinamización da lectura, xunto coa súa avaliación e investigación, para recoñecer a importancia que reviste a lectura profunda en canto capacidade que configura a vida e a sociedade.
O ensino e a dinamización da lectura han de ir alén da ensinanza de competencias funcionais e informativas básicas aos escolares e centrarse no proceso de desenvolvemento persoal ao longo de toda a vida, reforzado coa lectura profunda.
A avaliación da lectura ha de ir alén das probas uniformadas e incluír datos cualitativos e descritivos con miras a ofrecer un diagnóstico polo miúdo do estado da lectura a este nivel nas nosas sociedades.
A investigación sobre a lectura ha de ampliar o seu campo de atención para lles dar cabida a disciplinas como a investigación do comportamento informativo, o ensino da alfabetización informativa, o deseño de medios, a investigación sobre a atención e a neurociencia e configurar un programa de investigación sistemático no que se harmonicen as perspectivas e se supere a fragmentación.
LECTURA E DEMOCRACIA
O futuro da lectura aféctalle ao futuro das nosas sociedades. Unha sociedade democrática, baseada nun consenso informado entre as distintas partes interesadas, non pode prosperar máis que con lectores resilientes versados na lectura profunda, e os responsables políticos de todos os ámbitos deben ser conscientes diso.
Pois, para empregarmos os termos desa advertencia de Margaret Atwood que con tanta frecuencia se ten citado, «se non hai lectores e escritores novos, pronto non os haberá vellos. A alfabetización estará morta e a democracia […] tamén».